Saturday 27 de April de 2024

“Coruña en Forma” dará comezo mañá coa marcha nórdica como novidade


 

Ata setembro, os coruñeses dispoñerán de tres meses de actividades deportivas de balde todos os días nos parques e praias da cidade, aos que este ano se suma o Barrio das Flores

Mañá dará comezo o programa Coruña en Forma organizado pola área de Cultura, Deporte e Coñecemento cunha andaina circular ás 10.00 horas, que partirá de Riazor. Desde este sábado, haberá actividades deportivas de balde durante todos os días da semana de xullo a setembro, entre as 10.00 e as 20.00 horas.

Como novidade, este ano o Concello introducirá a marcha nórdica durante cinco días distintos e tendo como escenarios o Parque de Vioño, Parque de Europa, Torre de Hércules, Parque de Santa Margarita e Parque de Eirís. Igual que no resto de opcións, serán os monitores os que faciliten o material necesario para a práctica deportiva, neste caso os bastóns, que deberán ser devoltos ao rematar a mesma.

Ademais, eliminaranse aquelas que estaban dirixidas nos Parques Biosaudables para levar os circuítos de adestramento a tres localizacións próximas como son o Parque de Oza, o Parque de Eirís e a Praza Fábrica de Tabacos co obxectivo de que as persoas que o desexen poidan completar o exercicio tres días á semana. Por unha demanda da veciñanza, o mapa de Coruña en Forma amplíase ata o Barrio das Flores con actividades diarias de 10.00 a 11.00 horas.

O programa está patrocinado por Sanbrandan, polo que representantes da empresa acudirán aos diferentes lugares a partir do 15 de xullo para agasallar aos participantes con diversos premios. Sen necesidade de inscribirse, os interesados só terán que presentarse no sitio indicado para protagonizar unha hora de práctica conducida por profesionais das disciplinas de tai chi, zumba, pilates, ximnasia aeróbica e espacializados en circuítos de adestramento.

Coruña en Forma incluirá tamén ao longo do verán actividades caninas, andainas, rutas a patíns e a comentada marcha nórdica, todas elas con profesionais específicos. As localizacións para poñerse en forma durante o período estival serán os parques de Europa, Oza, Eirís, Vioño, Santa Margarita, Bens, Praza Fábrica de

Tabacos, Torre de Hércules, Barrio das Flores, praias de Riazor, Oza e Matadoiro así como os xardíns de Méndez Núñez.

Coruña en Forma sumou no 2018 un total de 13.306 asistencias nas súas actividades, con ximnasia aeróbica, zumba, pilates ou tai chi como as actividades de maior afluencia, sendo Riazor, Miradoiro do Matadoiro, e o Parque de Vioño os escenarios máis demandados, con sesións que chegaron a superar os cen participantes.

O programa multiplicou por cinco a asistencia desde a primeira edición con
2.538 persoas apuntadas en 2016. Na segunda entrega, foron 8.243. Os 13.006 do pasado ano confirman o incremento notable da resposta cidadá para practicar deporte en espazos urbanos non convencionais.

NOVA INSTALACIÓN DEPORTIVA TEMPORAL

A Concellería de Deportes vén de colocar dous postes e unha rede para poder xogar ao tenis praia e voley praia de forma libre no areal do parque de San Pedro de Visma. O único que deberán facer os usuarios é pedir que lles coloquen a rede, pero non é necesario inscribirse previamente.

O uso máximo da instalación será dunha hora en caso que de que haxa xente esperando para xogar, por iso que as rotacións se farán ás horas en punto.